xoves, 2 de febreiro de 2017

Equilibrium


Esta película do 2002 está escrita e  dirixida por Kurt Wimmer, un director pouco coñecido pois a súa produción é escasa. Está protagonizada por Christian Bale que, dende o meu punto de vista, acerta con este papel. (Tráiler por aquí)

É unha película de ciencia ficción, thriller e acción. Pero a min gústame destacala como unha distopía. Xénero que me gusta especialmente.

Basicamente a trama vai sobre o establecemento dun réxime totalitario futurista no que, tras a terceira guerra mundial, deciden suprimir o foco que, segundo o argumento, é o causante das guerras neste mundo, e isto son os sentimentos. É dicir, está prohibido sentir e con isto, todo o que poda producir sentimentos: libros, música, arte, etc.

O punto de inflexión na trama non tarda en chegar e prodúcese cando o protagonista se da conta de que o seu mentor rompe as normas lendo un libro. isto produce nel un conflito e de aí comeza a cuestionarse sobre a vida en Equilibrium

Resultado de imagen de equilibrium

Algo que se repite e que finalmente é importante na película é a toma dun soro que todos os habitantes deben tomar para, evidentemente evitar sentir.

O uso do color vai bastante acorde coa atmosfera que se presenta. A película é escura, con pouca iluminación que comeza a nacer contra o final. O vestiario acompaña este detalle e deixa dende o principio que cargo ocupa cada personaxe. Os ángulos sitúannos ben no lugar onde se producen os feitos: dende os planos xerais que mostran Equilibrium, ata os primeiros planos para ver a expresión do protagonista.

A película non conta con grandes efectos especiais, mais as coreografías están moi ben executadas e déixante en tensión.

A representación dos personaxes paréceme moi acertada. Durante toda a película crinme o estado no que se sentía o protagonista. A expresión seria de Christian Bale durante a película e o seu espertar a min, como espectadora, gañoume.

É certo que, ao non ver esta película en versión orixinal, pérdome bastante da actuación dos personaxes. Caso que sempre sucede pois, unha parte esencial da actuación dun actor ou actriz é a voz e como a expresa. Debería comezar a ver as películas na súa versión de orixe.  Próximo propósito.

Non destaca unha banda sonora, tan só o principio para presentarnos a trama, mais destaca un cacho dunha peza de Beethoven nun momento importante da película, pois recordamos que a música, e todo tipo de expresión artística, estaba prohibido.

Moitos comparan esta película con “The Matrix”. Eu non a vin, téñoa pendente na lista, mais o argumento e punto importante non vexo que teñan moito que ver, pois se mal non entendín, The Matriz fai alusión á tecnoloxía, e Equilibrium, como estou contando, céntrase nos sentimentos.

Pois ben, esta película penso que da para pensar bastante e comentala. Con tan só pensar nun mundo sen sentimentos xa da pé a un debate. Sería posible un mundo onde ninguén sentira nada? Non sería ao fin, un mundo de humanos sen humanidade? Algo que nos diferencia e que nos caracteriza como seres humanos é a complexidade dos sentimentos.

Imaxínate un mundo onde as relacións entre as persoas son tan só por simple continuidade, ter sexo tan só para procrear e manter a familia co fin de “crear persoas”. Imaxínate un mundo onde ninguén sabe de nada, onde tan só se fai o que os de arriba manden.

Por dicir algo que “non me gustou” foi o final. Sen facer spoilers, o final deixa bastante que desexar pois non se sabe que pasa despois, nin hai unha conclusión sobre a trama, o cal enriquecería moito máis a película.

E por último...

Opinión e reflexión persoal:
Gustoume moito esta película. Entretenche durante todo o seu transcurso e, aínda que sexa un final “esperado”, déixache en tensión ata o seu remate.

A idea dun mundo sen sentimentos paréceme moi orixinal e que da para falar bastante. Sería algo así como, un mundo dominado por humanos pero sen algo que nos identifica como tal.
Sobre recursos escénicos non podo comentar demasiado porque non teño moita idea disto, pero penso informarme e comentalo en futuras películas.

Quero facer fincapé, unha vez máis no tema central. Esta película, é totalmente ficción ou hai algo de realidade?
Na sociedade actual, existen métodos para controlar, de algunha maneira os sentimentos, sobretodo os malos sentimentos. Existen libros psicolóxicos que che din que podes obter o desexado tan só proxectándoo ao universo co fin de non producir emocións negativas. Illando dalgunha maneira aquilo que nos afecta.  Eu relaciono isto, de certa maneira,  coa crenza de certas enerxías. Pero disto falarei en próximas entradas.

Nos traballos, a veces, mandan aos empregados a talleres de emocións para xustificar as condicións polas que están pasando e tratar de agarralos aos seus ideais.
De feito, o exemplo máis claro son as pastillas antidepresivas, creadas para influír nas emocións das persoas. Búscase unha solución con algo antinatural cando a solución na maioría das situacións está na actitude. En vez de superar o que non lles gusta ou non lles fai feliz, acabando tomando algo que realmente lles causa outros efectos, a veces peores.

Con isto non quero dicir que é malo ser positivo senón que hai que mirar o que  nos fai infelices e cambialo. Finalmente, sorpréndeme que esta película non tivera máis transcendencia da que tivo, pois se mal non me informei, ata non hai moito non estaba traducida ao español, e en América a penas foi comentada. Ao fin e ao cabo, a maior ou menor fama das películas ao fin e ao cabo está un pouco manexada por intereses. Hai grandes películas que, sen presentar unha escenografía espectacular, a idea é realmente boa. Unha pena que non estean todas no mesmo saco.
Gustoume moito empezar esta sesión. Creo que seguindo esta liña vou comentar e recomendar moitas películas que lle vexa algún tipo de interese. Obviamente non é unha crítica súper producida pero tratarei de mellorar na miña forma de comentalas.

Ata a seguinte entrada...

O Mundo de Saturno


3 comentarios:

  1. Por certo...que me olvidei de comentar! Ese soro que teñen que tomar para evitar sentir é similar ou eu diría case o mesmo que o "soma" do que fala Aldous Huxley no seu mundo feliz , de feito, esta película pode ter "certa relación" con este libro que, personalmente, recomendo!

    ResponderEliminar
  2. Carai, onde quedaron os CA daqueles tempiños! Curiosamente a volta do blog está moi ligada á época de "love bussines" que nos toca vivir en febreiro. Eu ando a voltas coa intelixencia emocional...
    A nova ubicación da Laura nótase moi madura e elaborada (vese polas ligazóns de todo tipo!)... seguiremos en contacto.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Os CA sempre están por aí...e quizais volvan así "de refilón"!
      Sobre intelixencia,seguirei falando ;)

      Eliminar