sábado, 27 de maio de 2017

O Impacto das TIC

Non marchei, tan só desaparecín por unhas semanas. Entre traballos e exames estou bastante liada ultimamente e sen a inspiración necesaria. É por isto que aproveito para "inaugurar" unha nova sección neste blog. Como xa dixen, quero informarme sobre certos asuntos e crear un comentario crítico e fundamentado. Pois aquí vai o primeiro.
Vale, teño que recoñecer que non o fixen ahora! Foi un pequeno traballo para unha materia que cursei o ano pasado na universidade. Como se pode supoñer, sobre as TIC. Pero é un claro exemplo do que quero facer.
É bastante longo así que creo que compensará estas semanas sen nada, e estas que veñen tamén, -pois aínda non rematei- pero queda pouco. Aí vai:

Antes de centrarme no impacto que as TIC causaron e seguen causando na sociedade e na educación hoxe en día, vexo preciso botarlle unha vista ao pasado, e non moi afastado, para ver o gran cambio que sucedeu na humanidade ante o impulso da tecnoloxía.

Non hai que voltar moitos anos atrás para ver a gran diferenza de como vivían antes a como o facemos agora. Con tan só preguntarlle aos nosos pais, decatámonos de como se transformou o mundo nunhas cantas décadas, e neste traballo voume centrar no  campo da  comunicación e a  información.

 UN ANTES E UN DESPOIS

Esta pequena análise fíxena con respecto ao meu pobo, posto que se este evolucionou notablemente, de igual xeito, ou incluso máis o fixeron as grandes cidades. De como a tecnoloxía impactou na vida dos nosos pais (aproximadamente 40 anos atrás) tendo como fontes directas aos meus propios:

Fai unhas cantas décadas atrás, para establecer comunicación con calquera, era preciso atoparte con esa persoa, e se esta non estaba no mesmo territorio ca ti, empregábanse as cartas, que podían tardar días ou incluso meses (dependendo da distancia) antes de chegar ao seu destinatario. A carteira, ditaba todos os días (salvo fin de semana) os nomes dos remitentes nun local, onde acudían aquelas persoas que esperaban noticias de fóra.

En canto ao teléfono, só había unha liña a través da cal conectarse, polo que unicamente se dispoñía dun teléfono público do que se ocupaba unha única persoa, quen tiña que ir casa por casa, para contactar coa persoa á que ía destinada a chamada. Poucos dispoñían de coches propios, e a xente desprazábase por medio de autobuses e taxis.

Na escola, cincuenta rapaces xuntos de distintos cursos,  estaban rexidos por un só mestre. Este seguía o libro de texto e apoiábase do encerado para explicar algunha lección. Os alumnos dispoñían de cada súa libreta, así como lapis e bolígrafo.

Para saber o que pasaba fóra, só se dispoñía dun periódico que traía un bar e para poder ver a televisión, a xente pagaba unha especie de entrada, mentres que os nenos tiñan que comprar pipas para poder ver unha película (caso aparte é que en inverno, a luz marchaba cada dous por tres durante horas, o que dificultaba este medio de ocio ou información).

Pero co paso dos anos, pouco a pouco, foron aparecendo tecnoloxías máis avanzadas que nos fixeron decatarnos de que un cambio social se podía estar dando. Así pois, a irrupción de internet na década dos 90 foi clave para que a nosa vida se transformara drasticamente e, actualmente, o avance tecnolóxico dos últimos anos achéganos, tal vez, nunha nova era da información e a comunicación.

 OS DIFERENTES MEDIOS DE COMUNICACIÓN

Actualmente como mostra o vídeo Sociedad de la Información en España (2014),  internet crece día a día instalándose na maioría dos fogares aportándonos gran cantidade de información e novos recursos, así como diferentes zonas web para establecer contacto con outras persoas do mundo tales como  redes sociais, blogs ou foros. Pero non só isto foi o gran detonante, senón que a aparición dos  smartphones, fixeron que a nosa vida se convertera cada vez máis dixital. Estes dispositivos son móbiles intelixentes que nos permiten un acceso instantáneo a internet e poder acceder a gran cantidade de posibilidades que nos ofrece. Agora vivimos pegados a el esperando a contestar a cantidade de mensaxes (a maioría deles sen importancia) que nos chegan ao WhatsApp posto que o envío e chegada se produce no momento. Se nos perdemos, non pasa nada, temos GoogleMaps para ubicarnos. Na hora de comprar un produto, cada vez máis xente o fai por Internet, xa que ten unha gama alta de elección ademais da suficiente información á nosa disposición. Xogos, redes sociais, acceso ao correo, detector de cancións, conta quilómetros, e outras aplicacións fan que todo estea á disposición, agora máis que nunca, das nosas mans.

Unha vida aparentemente máis fácil, pero ao mesmo tempo tamén máis perigosa e arriscada, xa que internet está presente en todos os ámbitos do noso día a dá: traballo, estudos, familia, amigos... facéndonos unha identidade dixital.

            Y hoy nuestra identidad digital se a cerca más a la realidade del quiénes somos y el cómo somos, atendiendo no sólo a la información que nosotros gestionamos sobre nosotros mismos, sino también a la que los demás usan y crean de nosotros. (Bartolomé y Grané, 2013, pp.79)
A INFORMACIÓN A DÍA DE HOXE

Posto que toda a nosa información pode ser atopada por calquera persoa do mundo e interpretada de distinto xeito, pode dar lugar a prexuízos e comentarios de todo tipo. Agora, todos temos a posibilidade de  crear contido para que sexa visto por calquera, é dicir, todo o que queiramos expoñer ao mundo é posible con tan só un “click”. Miles e millóns de mensaxes son compartidas ao longo do día por medio dos usuario da rede.

Isto lévanos a atender á información que podemos atopar. Diferentes puntos se poden tratar neste aspecto (Bartolomé e Grané, 2013) como son a tendencia a ler o primeiro que atopamos, que nos pode proporcionar un coñecemento erróneo sobre determinado tema; os contidos poden cambiar e incluso desaparecer;  o aumento da potencialidade de información, que vai crecendo; o problema das autorías, moitas veces descoñécense quen é o autor de “X” documento, posto que poden ser copiados, modificados ou editados por outras persoas.

É aquí onde quero facer mención á educación, dos cambios que se deron e poden dar, tras a aparición das novas tecnoloxías que hoxe coñecemos. Existe pois, un debate amplo e certas interrogantes no campo do coñecemento, valores... para a introdución destas tecnoloxías na escola. A educación debe axustarse aos novos avances pero estes non deben afectar ao fin propio desta identidade. (Cañellas Cabrera, 2006).

O IMPACTO NA EDUCACIÓN E PROPOSTAS

Quizais, o sistema educativo que ata agora se vén dando, quédanos un tanto antigo, e non porque os seus métodos sexan malos, senón porque agora existen outros novos para melloralos. É por isto, que o fomento das TIC nos centros escolares son interesantes e incluso necesarios para a mellora da calidade da educación. Os nenos, están fartos do sistema tradicional que o profesor asume por natureza (Bartolomé y Grané, 2006) tales como, asumir o currículum tal cal, sen cuestionalo nin matizalo; o profesor dita as actividades; o alumno escoita, e será avaliado; a interacción entre alumnos autorizada polo mestre, etc.  Polo que  estas novas tecnoloxías poden dar lugar a que os alumnos teñan ganas de aprender, estean motivados, e potencien o seu coñecemento, así como saber buscar información relevante da que non o é. Así, tal como di Montes Molina (2010, pp.74), os mestres deben propor “nuevos retos y más ambiciosos como proporcionar al alumnado un conocimiento que le sea útil en su vida diaria, con unos contenidos actuales, atractivos  que llamen su atencion y hagan implicarse en su educación”, desta maneira formaranse alumnos competentes.

Moitas e diferentes actividades se poden realizar co emprego das TIC. Eu aquí quero expoñer algunhas que creo que poden ser interesantes como:

·         A exposición de traballos relacionados coa materia, mediante a axuda dun proxector e dun PowerPoint realizado polo propio alumnado.

·         Clases interactivas e prácticas, na que os alumnos comente e debatan entre eles e co profesor. E que para o seu desenvolvemento poidan facer referencias en internet, ou incluso traer o seu propio dispositivo electrónico.

·         A mellora na busca de nova información –saber separar a relevante da que non o é- así como indicar a autoría.

·         Busca de novos recursos didácticos ou incluso crear uns propios.

·         A longo prazo, igual se pode pensar no emprego dun dispositivo para cada alumno (por exemplo a tablet), que permita un acceso directo á rede, así como ao libro de texto, e que potencie as posibilidades económicas que moitas familias precisan, ao non poder permitirse gastar cada ano tantos cartos en libros e cadernos.

Porén,  non todo son vantaxes  e o seu mal uso metodolóxico pode levar por mal camiño á educación. Entre eles, temos un moi importante, que é a substitución do rol do profesor, que pasa de ser, como expón Cañellas Cabrera (2006, pp.10),  “ un portador activo de la información a un facilitador pasivo del proceso, ocupando la tecnología el espacio del docente”, así como tomalo como un fin e non como un medio de axuda ou, a mala selección da información atopada.

Vexo, especialmente interesante a proposta de Sancho Gil (2008) sobre o paso de TIC a TAC (Tecnoloxía da Aprendizaxe e o Coñecemento). Agora o paso dunha á outra é moito máis fácil, pero tamén é comprensible que existan medos. Se cada un alumno ten un ordenador con acceso a Internet será máis difícil de controlar. Así como sabemos que as tecnoloxías fallan, e que en calquera momento podes quedar sen a clase proposta para ese día. Aínda así, creo que son problemas con solucións e alternativas. Os profesores deben perder esa tendencia a ser eles os únicos con capacidade de ensinar, e deberían “aprender a aprender “dos seus alumnos. Hoxe en día a clave da ensinanza non está en transmitir o que un xa sabe, senón posibilitar que o outro aprenda, facilitarlle axudas para que o seu coñecemento sexa pleno. (Sancho Gil, 2008).

Para a escola este punto sería necesario nos tempos que corren. O importante non son os obxectos en si senón convertelos nun bo medio de servizo para o noso fin. Aprender a potenciar o proceso de ensinanza-aprendizaxe con todos os recursos que se nos presenten, estudando a súa utilidade e a súa posta en práctica para que ao fin, todos poidamos ter unha educación de calidade.

OPINIÓN PERSOAL

A miña opinión envolve aos dous ámbitos ata agora expostos, como son o social e o educativo:

Penso que, con todo isto das novas tecnoloxías e o seu avance, o mundo volveuse máis individualista. Agora non se busca ir xogar cos amigos á calle, e preocuparte por Pedro que está enfermo na casa e non puido disputar aquel partido de fútbol. Agora, a xente xa non se preocupa tanto dos  ao seu arredor, só hai que mirar para a cara das persoas nunha estación de bus, nunha sala de espera, ou mesmo en grupo tomando algo; coa barbilla pegada ao smartphone inmersa, nunha conversación vana, illándose da xente que os rodea para falar con alguén que non está aí con eles; facemos comentarios hipócritas nas redes socias a persoas coas que nin sequera temos confianza; viciamos aos xogos de PlayStation, Nintendo ou PSP, esquecendo os xogos tradicionais por completo. Agora, os nenos educados baixo a meritocracia que presenta a sociedade, loitan entre eles por ser os mellores en todo.

 Porén, non todo é malo, sabemos que houbo grandes avances é que para nada foron un paso atrás, todo o contrario, a diferencia está en saber usalos. Agora dispoñemos de moita máis información que antes, o cal non está de todo mal, sempre que se contraste. Podemos acceder a calquera tipo de espazo con só un “click”, e comunicarnos (mesmo mediante videochamadas) con persoas que viven moi lonxe de nós. Avances que non vexo porque desprezar, pero que a veces, eu polo menos, sinto as ganas de que todo fose como antes, para que cousas que antes se valoran e agora non, cobren o seu sentido.

 Mesmo na educación, penso que é necesario que os nenos non deixen de escribir nas súas libretas, que saiban o que é ler nun libro en papel, e tamén escribir no encerado con xiz. As tecnoloxías penso que están ben para complementar, para mellorar o proceso de ensinanza e aprendizaxe, de ver as vantaxes que nos poden ofrecer sempre facilitando (Aries, 2006), pero non para substituír o que xa temos, e o que eu penso que é a esencia da escola. Pero isto, só é a miña opinión, e non quero “pecar” de antiga, posto que eu non me exclúo de nada, e son membro desta sociedade, simplemente penso que o mellor, sería aproveitar o que temos con responsabilidade, decatándonos dos seus beneficios pero tamén dos seus perigos e prexuízos.

E por último, agora si, remato cunha cita que me gustou especialmente, e que reflexa o que nun futuro espero que non pase, e que nós, mestres en formación, no momento en que xa o sexamos, poidamos aportarlles aos nosos alumnos a cara máis bonita da moeda con respecto á ensinanza, pero sobre todo da aprendizaxe, porque a fin de contas, eles son os únicos artífices do seu coñecemento, e de nós dependerá en parte, facerlle ver que, o longo camiño como alumno, valla a pena!



Radio, televisiónn, videocasetes, robots y, por supuesto, informática e internet han sido protagonistas de sucesivas visiones, siempre incumplidas, de substitución de maestros en las aulas por medios más capaces, más flexibles, más baratos y, sobreodo, más glamurosos. (Fernandez Enguita, 2005, pp. 145)

Referencias:

·         Area, M. (2002). ¿Una escuela del siglo XXI? Redefiniendo las metas, formas y políticas de la educación digital. En E. Pernas e M. Doval (Eds.). Novas Tecnoloxías e innovación educativa en Galicia. Átomos e bits na mellora dos procesos de ensino-aprendizaxe. Santiago de Cospostela: ICE-USC, pp.29-39.

 

·         Bartolomé Pina, A. R. E Grané, M. (2003). Interrogantes educativos desde la sociedad del conocimiento. Aloma: revista de psicoloxía, ciències de l´educació i de l´esport, 31(1), pp. 73-81. Dispoñible en: http://www.raco.cat/index.php/Aloma/article/view/266707/354327


·         Cañellas Cabrera, A. M. (2006). Impacto de las TIC en la educación. Un acercamiento desde el punto de vista de las funciones de la educación. Quaderns digitals: Revista de Nuevas Tecnologías y Sociedad, 43. Dispoñible en: http://www.quadernsdigitals.net/datos/hemeroteca/r_1/nr_694/a_9250/9250.pdf

 

·         Fernández Enguita, M. (2013). Aquí no hay química. La difícil relación del profesorado con la tecnología. Panorama Social, 18, pp.145-157. Recuperado de :  http://www.funcas.es/publicaciones/viewarticulo_PDF.aspx?IdArt=21255 

·         Fundación Telefónica (21-I-2015). Informe de la Sociedad de la Información en España (2014). Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=Siz8YYZZsCg. Consultado o: 7/03/2016.

 

·         Montes Molina, A. (2010). Un buen recurso escasamente utilizado. Las TIC en las aulas de Educación Primaria. Hekadenas: revista educativa digital, pp. 71-94. Recuperado de:

https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=3745686 

·         Sancho Gil, J. M. (2008). De TIC a TAC, el difícil tránsito de una vocal. Revista Investigación en la escuela, 64, pp. 19-30. Dispoñible en: :  http://www.investigacionenlaescuela.es/articulos/64/R64_2.pdf

1 comentario:

  1. A verddae é que xa tiña algo abandonado entrar por aquí. Boa reflexión (e máis indo para onde vas). O problema do profe non son as TIC, o problema do profe é deixar que as TIC lle coman as papas e se esqueza de quen ten a dirección do proceso educativo (mesmo "con adultos"!). Pero cerrarse en banda (ou abrirse a medias) non é solución do problema... é seguir deixando ao infante-adolescente no medio da selva electrónica... e, naturalmente non é un problema de profes , tamén de pais (sexan do tipo que sexa!) e resto de axentes sociais...

    ResponderEliminar