luns, 19 de setembro de 2016

A experiencia de correr


Poño as mallas, ato as zapatillas (empezando polo pé dereito...manías!), camiseta, reloxo para cronometrar, e a correr.
Correr é como a vida mesma, temos momentos bos, momentos non tan bos, momentos malos... Correr a min, persoalmente dáme aire, non mo saca. Faime sentir mellor, segura comigo mesma, capaz de todo. É un momento de total liberdade, ti, controlando a propia respiración, escollendo os lugares polos que ir, sen presa (ou si), e sen pausa.

Cando empecei a facer este deporte, o certo é que lle collín gustillo dende o principio. Tamén hai que dicir que empecei a facelo por mor dunha dieta, para baixar quilos vamos. Hoxe, podo dicir que o fago por gusto. Fóra de pretensións estéticas.

Coller aire pola nariz e botalo pola boca; levantar as pernas do chan. Correr proporcionanos a forza que cremos non ter. Cando parece que o corpo non quere, aí está a mente para dicirche que si podes. Sempre se pode dar máis, ir controlando. Aparece unha costa, e sabes que tes que reducir a intensidade para dala subido. Logo volve unha costa abaixo para recuperar.

Non pretendo ser das que quere  convencer con isto do deporte, pero é certo, o deporte axuda a sentirte mellor. Axuda no humor, na motivación, nas ganas de facer cousas...

Unha rutina que forma parte do meu día a día, xunto con outras formas de facer deporte alternativas,,, tal vez haxa que estar un pouco tolo, pero quero esta tolería.

1 comentario:

  1. Tes algo de Guadiana, pero gusto de seguirte polo do misterio...esperemos que neste curso interacciones algo máis, non?

    ResponderEliminar