venres, 10 de febreiro de 2017

Volver a Comezar

Cantas veces nos puxemos a pensar en comezar algo novo? Non importa o que...dende unha dieta ata asistir a clases de inglés. E cantas veces acabamos pasando de facelo?

Hoxe quero falar sobre a importancia de volver a comezar, de volver a animarse a facer algo que non conseguimos con anterioridade, pero que por sorte...pódese volver a internar.

Como en case todo, comezar é fácil, o difícil é manterse nesa rutina, manterse facendo ese algo que á larga (ou xa no momento) che vai facer ben.

Non conseguilo non quere dicir unha derrota, non quere dicir que se acabou “por sempre xamais”. Quere dicir que, tal vez, non era o momento ou non nos sentíamos motivados para conseguir X obxectivo.

O ser humano ten a posibilidade de producir cambios en si mesmo e  no que nos rodea polo que está no noso poder. Está no noso poder, e sempre que caiba dentro das nosas capacidades, empezar algo e rematalo (ou continualo) con éxito.

Creo que se algo se desexa fortemente sempre se pode conseguir. Tan só hai que imaxinar o final e sobretodo, se isto che fai feliz. Porque as nosas accións ao fin teñen unha finalidade, a finalidade de completarche como persoa, é dicir, facerche feliz.

A veces perdemos demasiado tempo en cousas que non valen a pensa, e ao fin e ao cabo dáste conta de que son parte da vida. Cantas veces perdemos o tempo indo en bus? Tiradas na cama? En clase sen atender? Con amigos atendendo o móbil?, etc. Infinidade de momentos... pero son parte da vida e algunhas podemos cambialas ou atopar alternativas.

Comezar de novo para saír vitoriosa na nova proposta, comezar para facerte sentir ben, para completarse.

Volver a comezar con esforzo, con ilusión, con ganas, con vistas a un futuro, con sentimentos positivos.

Comezamooos.......DE NOVO!

O mundo de Saturno

xoves, 2 de febreiro de 2017

Equilibrium


Esta película do 2002 está escrita e  dirixida por Kurt Wimmer, un director pouco coñecido pois a súa produción é escasa. Está protagonizada por Christian Bale que, dende o meu punto de vista, acerta con este papel. (Tráiler por aquí)

É unha película de ciencia ficción, thriller e acción. Pero a min gústame destacala como unha distopía. Xénero que me gusta especialmente.

Basicamente a trama vai sobre o establecemento dun réxime totalitario futurista no que, tras a terceira guerra mundial, deciden suprimir o foco que, segundo o argumento, é o causante das guerras neste mundo, e isto son os sentimentos. É dicir, está prohibido sentir e con isto, todo o que poda producir sentimentos: libros, música, arte, etc.

O punto de inflexión na trama non tarda en chegar e prodúcese cando o protagonista se da conta de que o seu mentor rompe as normas lendo un libro. isto produce nel un conflito e de aí comeza a cuestionarse sobre a vida en Equilibrium

Resultado de imagen de equilibrium

Algo que se repite e que finalmente é importante na película é a toma dun soro que todos os habitantes deben tomar para, evidentemente evitar sentir.

O uso do color vai bastante acorde coa atmosfera que se presenta. A película é escura, con pouca iluminación que comeza a nacer contra o final. O vestiario acompaña este detalle e deixa dende o principio que cargo ocupa cada personaxe. Os ángulos sitúannos ben no lugar onde se producen os feitos: dende os planos xerais que mostran Equilibrium, ata os primeiros planos para ver a expresión do protagonista.

A película non conta con grandes efectos especiais, mais as coreografías están moi ben executadas e déixante en tensión.

A representación dos personaxes paréceme moi acertada. Durante toda a película crinme o estado no que se sentía o protagonista. A expresión seria de Christian Bale durante a película e o seu espertar a min, como espectadora, gañoume.

É certo que, ao non ver esta película en versión orixinal, pérdome bastante da actuación dos personaxes. Caso que sempre sucede pois, unha parte esencial da actuación dun actor ou actriz é a voz e como a expresa. Debería comezar a ver as películas na súa versión de orixe.  Próximo propósito.

Non destaca unha banda sonora, tan só o principio para presentarnos a trama, mais destaca un cacho dunha peza de Beethoven nun momento importante da película, pois recordamos que a música, e todo tipo de expresión artística, estaba prohibido.

Moitos comparan esta película con “The Matrix”. Eu non a vin, téñoa pendente na lista, mais o argumento e punto importante non vexo que teñan moito que ver, pois se mal non entendín, The Matriz fai alusión á tecnoloxía, e Equilibrium, como estou contando, céntrase nos sentimentos.

Pois ben, esta película penso que da para pensar bastante e comentala. Con tan só pensar nun mundo sen sentimentos xa da pé a un debate. Sería posible un mundo onde ninguén sentira nada? Non sería ao fin, un mundo de humanos sen humanidade? Algo que nos diferencia e que nos caracteriza como seres humanos é a complexidade dos sentimentos.

Imaxínate un mundo onde as relacións entre as persoas son tan só por simple continuidade, ter sexo tan só para procrear e manter a familia co fin de “crear persoas”. Imaxínate un mundo onde ninguén sabe de nada, onde tan só se fai o que os de arriba manden.

Por dicir algo que “non me gustou” foi o final. Sen facer spoilers, o final deixa bastante que desexar pois non se sabe que pasa despois, nin hai unha conclusión sobre a trama, o cal enriquecería moito máis a película.

E por último...

Opinión e reflexión persoal:
Gustoume moito esta película. Entretenche durante todo o seu transcurso e, aínda que sexa un final “esperado”, déixache en tensión ata o seu remate.

A idea dun mundo sen sentimentos paréceme moi orixinal e que da para falar bastante. Sería algo así como, un mundo dominado por humanos pero sen algo que nos identifica como tal.
Sobre recursos escénicos non podo comentar demasiado porque non teño moita idea disto, pero penso informarme e comentalo en futuras películas.

Quero facer fincapé, unha vez máis no tema central. Esta película, é totalmente ficción ou hai algo de realidade?
Na sociedade actual, existen métodos para controlar, de algunha maneira os sentimentos, sobretodo os malos sentimentos. Existen libros psicolóxicos que che din que podes obter o desexado tan só proxectándoo ao universo co fin de non producir emocións negativas. Illando dalgunha maneira aquilo que nos afecta.  Eu relaciono isto, de certa maneira,  coa crenza de certas enerxías. Pero disto falarei en próximas entradas.

Nos traballos, a veces, mandan aos empregados a talleres de emocións para xustificar as condicións polas que están pasando e tratar de agarralos aos seus ideais.
De feito, o exemplo máis claro son as pastillas antidepresivas, creadas para influír nas emocións das persoas. Búscase unha solución con algo antinatural cando a solución na maioría das situacións está na actitude. En vez de superar o que non lles gusta ou non lles fai feliz, acabando tomando algo que realmente lles causa outros efectos, a veces peores.

Con isto non quero dicir que é malo ser positivo senón que hai que mirar o que  nos fai infelices e cambialo. Finalmente, sorpréndeme que esta película non tivera máis transcendencia da que tivo, pois se mal non me informei, ata non hai moito non estaba traducida ao español, e en América a penas foi comentada. Ao fin e ao cabo, a maior ou menor fama das películas ao fin e ao cabo está un pouco manexada por intereses. Hai grandes películas que, sen presentar unha escenografía espectacular, a idea é realmente boa. Unha pena que non estean todas no mesmo saco.
Gustoume moito empezar esta sesión. Creo que seguindo esta liña vou comentar e recomendar moitas películas que lle vexa algún tipo de interese. Obviamente non é unha crítica súper producida pero tratarei de mellorar na miña forma de comentalas.

Ata a seguinte entrada...

O Mundo de Saturno


luns, 19 de setembro de 2016

A experiencia de correr


Poño as mallas, ato as zapatillas (empezando polo pé dereito...manías!), camiseta, reloxo para cronometrar, e a correr.
Correr é como a vida mesma, temos momentos bos, momentos non tan bos, momentos malos... Correr a min, persoalmente dáme aire, non mo saca. Faime sentir mellor, segura comigo mesma, capaz de todo. É un momento de total liberdade, ti, controlando a propia respiración, escollendo os lugares polos que ir, sen presa (ou si), e sen pausa.

Cando empecei a facer este deporte, o certo é que lle collín gustillo dende o principio. Tamén hai que dicir que empecei a facelo por mor dunha dieta, para baixar quilos vamos. Hoxe, podo dicir que o fago por gusto. Fóra de pretensións estéticas.

Coller aire pola nariz e botalo pola boca; levantar as pernas do chan. Correr proporcionanos a forza que cremos non ter. Cando parece que o corpo non quere, aí está a mente para dicirche que si podes. Sempre se pode dar máis, ir controlando. Aparece unha costa, e sabes que tes que reducir a intensidade para dala subido. Logo volve unha costa abaixo para recuperar.

Non pretendo ser das que quere  convencer con isto do deporte, pero é certo, o deporte axuda a sentirte mellor. Axuda no humor, na motivación, nas ganas de facer cousas...

Unha rutina que forma parte do meu día a día, xunto con outras formas de facer deporte alternativas,,, tal vez haxa que estar un pouco tolo, pero quero esta tolería.

xoves, 7 de xullo de 2016

Unha Vida Chea de Cambios

Eu diría máis ben, os cambios necesarios da vida porque... que sería dunha vida sen cambios?

Todos medramos a medida que pasan os anos: aos nenos empézalle a medrar a barba, cambiar a voz; as nenas poñen cadeiras, crécenlle os peitos...
Pero todos eses cambios físicos van da man cos cambios de conducta. Está claro que unha nena de 5 anos non vai a reaccionar da mesma maneira que unha de 10 ou 18. Cambios na nosa forma de ser, na maneira de relacionarnos, nas nosas responsabilidades...Unha dáse de conta que madurou cando te decatas de que a túa maneira de pensar e ver as cousas cambiou.
Cando miro atrás e regreso a 3º da ESO,  recordo que me sentía maior, sentíame con moito vivido xa, sentíame unha “mamá” ao lado dos nenos de primaria; agora, que estou por empezar segundo ano de carreira penso... canto che queda por vivir...a saber cantos cambios che esperan...antes, tan só era unha rapariga como os rapaces de 3º da ESO que vexo cos meus ollos de 19 anos. Conclusión: sigo sendo esa rapariga, con algo máis vivido, pero moito por vivir.
Paso a paso, superando obstáculos!

Pero non todos os cambios son inconscientes nin inevitables. Hai veces que sentimos a necesidade de cambiar algo que nos fai sentir mal, que non nos enche. Ese algo é moi amplo, pode ser dende compañías, o lugar onde vives, o traballo, hábitos, etc. Cambios que se poden facer XA. Cando o que queremos facer está nas nosas mans, todo debería ser máis fácil.
É por iso que, nós, os que agora somos novos, os que temos a oportunidade de provocar cambios maiores, somos os que debemos dar o paso a un mundo mellor. Que non pretendan cortarnos as ás, que non pretendan dicirnos que algo está mal cando estou segura que está ben, que non permitamos que nos tomen o pelo, non permitamos que nos achiquen e convertan en marionetas dun xogo que non gusta. Temos a capacidade de soñar e de, polo tanto, perseguir iso que desexamos, de facer cousas novas, de darlle un xiro... Pode que todo o que estou dicindo sexa moi fácil de dicir, pero realmente eu véxoo moi fácil de facer. Tan só sería tratar de cambiar algo para beneficio de todos. Ao mellor, tamén é o meu pensamento soñador o que me fai dicir estas palabras.

Pero aínda así, e con ánimos por cambiar algo digo que... NOS PODEMOS CON TODO!